Durante a semana do Día Mundial do Teatro, a biblioteca encheuse de maxia grazas ao talento e a dedicación de dúas alumnas de 6º de Primaria, que nos regalaron varias representacións teatrais moi especiais.
O conto elixido foi o entrañable "A que sabe a lúa?", unha historia chea de tenrura, animais e cooperación, perfecta para espertar a imaxinación de pequenos e maiores. Pero o máis sorprendente foi a forma de contalo:
Por unha banda, presentáronnos un precioso teatro de sombras, onde cada figura proxectada parecía cobrar vida na pantalla.
E, por outro, deron voz e movemento aos personaxes a través dun colorido teatro de marionetas.
Ambas as representacións foron recibidas con entusiasmo polo alumnado, que gozou moitísimo desta experiencia teatral tan creativa e coidada. Bravo por elas!
Desde a biblioteca queremos agradecer e felicitar a estas dúas alumnas polo seu esforzo, a súa imaxinación e a súa xenerosidade ao compartir o seu traballo con toda a comunidade educativa. Grazas tamén a todas as persoas que colaboraron neste precioso proxecto.
Actividades como esta demóstrannos que o teatro segue sendo unha ferramenta marabillosa para emocionar, contar historias e aprender xuntos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario