domingo, 16 de noviembre de 2025

🎃🌰 Celebramos o Samaín e o Magosto no noso cole!





Ao longo de toda a semana previa á festa, o alumnado colaborador da biblioteca estivo compartindo lecturas cos máis pequenos durante o tempo de lecer. Foron momentos máxicos, cheos de historias, risas e imaxinación, que axudaron a fomentar o gusto pola lectura dende as primeiras idades. 

Como peche desta semana tan intensa, celebramos no colexio o Samaín e o Magosto, dúas tradicións moi queridas en Galicia e que gozamos en comunidade.

Comezamos a xornada degustando as deliciosas castañas asadas, que encheron o cole do arrecendo tan típico desta época. Foi o momento perfecto para compartir, conversar e quentar motores.

Despois chegou a quenda dos xogos. O alumnado puido participar en diferentes xogos creados con material de reciclaxe, pensados para fomentar a creatividade, a axilidade, a colaboración e, por suposto, a diversión. Dende carreiras de coches ata xogos de lanzamento.

Para rematar a celebración, tivo lugar a entrega de premios do concurso de escobas, un dos momentos máis esperados, no que recoñecemos o talento, a imaxinación e o esforzo das persoas participantes. E, como broche final, gozamos dunha festa con música, na que bailamos e celebramos xuntos o espírito do Samaín.

Esta semana tan especial foi posible grazas ao traballo conxunto do equipo de extraescolares, do equipo de dinamización da lingua galega, do departamento de Educación Física e da nosa querida mascota da biblioteca, Burbulla, que sempre nos acompaña con ilusión.

Grazas a todos e todas por participar e facer destas actividades un recordo inesquecible.

🍂 Ata o próximo Samaín e Magosto! 🍁

No hay comentarios:

Publicar un comentario