martes, 3 de noviembre de 2026

Construíndo pequenos xardíns: aprendemos a plantar e coidar



Dentro do noso PDI deste curso, «Construír», o alumnado de 1º de Educación Primaria está a desenvolver un proxecto moi especial: recuperar e dar unha nova vida a pequenos espazos do colexio que estaban sen utilizar, transformándoos en pequenos xardíns.
Pero antes de poñerse mans á obra, hai moito que investigar e descubrir. Que plantas podemos cultivar no inverno? Como se chaman? Cales son as súas características? Que necesitan para medrar? A través da observación e da procura de información, os nenos e nenas están descubrindo o mundo das plantas e aprendendo a coñecer mellor o que van cultivar.
Despois da investigación chegou o momento de construír! Preparar a terra, escoller as plantas, plantalas e, por suposto, aprender a coidalas: regar, observar os seus cambios e estar pendentes das súas necesidades.
Deste xeito, pequenos recunchos que estaban esquecidos están a converterse en espazos cheos de vida, cor e aprendizaxes. Porque construír tamén é recuperar, transformar e coidar o noso contorno.
Un proxecto no que o alumnado non só constrúe pequenos xardíns, senón que tamén desenvolve a responsabilidade, a curiosidade e o respecto pola natureza.
Moitas grazas ás profesoras e ao alumnado de 1º pola súa ilusión, implicación e traballo. Agora toca coidar o que plantamos e ver como medra!

No hay comentarios:

Publicar un comentario