jueves, 5 de noviembre de 2026

Construíndo monumentos na biblioteca!




Con motivo da celebración do Día das Bibliotecas, a nosa biblioteca encheuse de creatividade, imaxinación e ganas de construír!
Ao longo dunha semana, durante o tempo de lecer, organizamos diferentes obradoiros dirixidos ao alumnado de Educación Infantil e Primaria, todos eles vinculados ao noso PDI deste curso: «Construír».
Nesta ocasión, achegámonos a tres construcións emblemáticas de diferentes lugares do mundo: a Torre Eiffel, o Taj Mahal e as pirámides de Chichén Itzá. A través de pequenas fichas informativas, descubrimos algúns datos e curiosidades sobre estes monumentos e puxémonos mans á obra!
LEGO, Kapla, pezas de construción, materiais diversos... convertéronse nas nosas ferramentas para reproducir estas grandes obras arquitectónicas. Tamén houbo tempo para debuxar, deixar voar a imaxinación e crear as nosas propias chapas inspiradas nelas.
Unha semana para descubrir, aprender, experimentar e, sobre todo, comprobar que construír tamén é unha forma de coñecer o mundo.
Moitas grazas a todo o alumnado pola súa participación, entusiasmo e creatividade, e ás profes que colaboraron na organización e realización dos obradoiros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario