No noso centro seguimos apostando por unha educación inclusiva, onde cada alumno e alumna teña o seu lugar e sexa valorado por quen é. Por iso, en colaboración co departamento de orientación, levamos a cabo unha actividade moi especial ao redor da diversidade.Un dos eixos principais desta proposta foi a montaxe do conto TEA. Un conto moi especial. Trátase dunha obra ilustrada en dúas cores que nos invita a mirar o mundo desde diferentes perspectivas. A través de situacións cotiás, como unha visita ao parque, o alumnado puido comprender como pode percibir a realidade Tea, unha nena con autismo, en comparanza con outros nenos e nenas. Esta experiencia resultou moi enriquecedora, xa que fomentou a empatía, o respecto e a comprensión cara ás persoas con Trastorno do Espectro Autista. Ademais, quixemos dar visibilidade á diversidade dunha forma simbólica e creativa con motivo do Día da Síndrome de Down. Para iso, o alumnado deseñou e decorou calcetíns únicos e diferentes, que posteriormente colgamos no centro. Cada calcetín representa a singularidade de cada persoa, lembrándonos que a diferenza é precisamente o que nos enriquece como sociedade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario