miércoles, 17 de diciembre de 2025

Celebración do Día da Constitución


Con motivo do Día da Constitución, o alumnado de terceiro de Educación Primaria levou a cabo unha actividade moi enriquecedora para achegarnos a este documento fundamental dun xeito creativo e participativo. Para iso, prepararon un pequeno programa de radio no que nos explicaron que é a Constitución, cando foi aprobada e cales son os nosos dereitos e deberes como cidadáns e cidadás.

Ademais, completaron esta iniciativa cunha pequena exposición fotográfica na que reflectiron algúns deses dereitos a través de imaxes. Na mostra puidéronse ver tanto fotografías realizadas polo propio alumnado como outras de fotógrafos e fotógrafas recoñecidos, establecendo un interesante diálogo entre distintas miradas.

Desde a biblioteca queremos agradecer o traballo, a implicación e a ilusión do alumnado participante, así como o acompañamento e a dedicación das súas mestras, que fixeron posible esta actividade tan significativa para toda a comunidade educativa.


No hay comentarios:

Publicar un comentario