sábado, 16 de mayo de 2026

Semana do libro




 






 

Durante a Semana do Libro, o noso centro encheuse de historias, creatividade e moitas ganas de compartir lecturas. Ao longo deses días realizamos diferentes propostas nas que participou alumnado, profesorado e familias. 
En Educación Infantil continuamos co proxecto ContosGaraballa”, recibindo a visita de varias familias que entraron nas aulas para contarnos contos e compartir momentos moi especiais ao redor da lectura. Ademais, desfrutamos da visita de Doris que nos contou os contos “A eiruga moi, moi impaciente”, de Ross Burach, e “Unha eiruga moi larpeira”, o clásico de Eric Carle. A experiencia completouse coa observación de vermes de seda, que espertaron unha enorme curiosidade entre os máis pequenos.
Tamén realizamos actividades de lecturas compartidas e apadriñamentos lectores, nas que o alumnado de 3º de Educación Primaria preparou e contou distintos contos ao alumnado de Educación Infantil, creando momentos de convivencia, aprendizaxe e desfrute ao redor dos libros.
Outro dos proxectos protagonistas foi a actividade de Bookface, na que o alumnado utilizou as portadas de distintos libros para converterse nos seus personaxes. Con todas as fotografías elaboramos un gran libro colectivo cheo de imaxinación e creatividade.
Tamén houbo espazo para mesturar lectura e tecnoloxía. Un grupo de alumnos e alumnas deseñou orixinais sujetalibros inspirados en escenas de contos traballados na aula. Primeiro realizaron os seus debuxos e despois separáronos por capas para poder imprimilos en 3D.
O alumnado de 4º de Primaria preparou ademais unha representación do conto Galiña roxa, acompañada de distintos elementos relacionados coa historia, como trigo e pan, achegándonos dun xeito moi vivencial ao relato tradicional.
Como broche final, recibimos a visita de Celia Veiga, autora e ilustradora do libro Entre rías, que compartiu toda unha mañá connosco. Falounos sobre o proceso de creación da súa obra e desfrutamos dunha representación con monicreques realizada por dúas alumnas de 4º. Para terminar, cada neno e nena construíu un pequeno paxariño inspirado no libro.
Sen dúbida, foi unha semana chea de lectura, arte, imaxinación e experiencias compartidas que nos lembrou que os libros poden lerse… pero tamén escoitarse, representarse, construírse e vivirse.
Grazas a todos e a todas por unha semana moi especial


No hay comentarios:

Publicar un comentario