jueves, 18 de diciembre de 2025

A biblioteca énchese de Nadal

 


Durante o mes de decembro, a biblioteca do noso centro converteuse nun espazo de creatividade, experimentación e emocións compartidas arredor do Nadal. O alumnado de Educación Infantil participou nunha actividade na que, a través de mesas sensoriais, minimundos e mesas de luz, puideron crear e recrear diferentes escenas propias destas datas tan especiais. A exploración de materiais e texturas permitiulles dar renda solta á imaxinación, dando lugar a pequenas composicións cheas de significado, que posteriormente foron fotografadas polos propios nenos e nenas.

Como continuidade da actividade, o alumnado de Educación Primaria puxo palabras ás emocións do Nadal escribindo postais cheas de agarimo e bos desexos. Estas postais foron enviadas a distintas entidades públicas da contorna, como residencias de persoas maiores e bibliotecas.

Queremos agradecer a participación e a ilusión de todo o alumnado, así como o compromiso e a implicación do profesorado, que fixeron posible esta fermosa actividade interetapas dende a biblioteca escolar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario