Mostrando entradas con la etiqueta Semana do libro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Semana do libro. Mostrar todas las entradas

sábado, 16 de mayo de 2026

Semana do libro




 





 

Durante a Semana do Libro, o noso centro encheuse de historias, creatividade e moitas ganas de compartir lecturas. Ao longo deses días realizamos diferentes propostas nas que participou alumnado, profesorado e familias. 
En Educación Infantil continuamos co proxecto “Contos dá Garaballa”, recibindo a visita de varias familias que entraron nas aulas para contarnos contos e compartir momentos moi especiais ao redor da lectura. Ademais, desfrutamos da visita de Doris que nos contou os contos “A eiruga moi, moi impaciente”, de Ross Burach, e “Unha eiruga moi larpeira”, o clásico de Eric Carle. A experiencia completouse coa observación de vermes de seda, que espertaron unha enorme curiosidade entre os máis pequenos.
Tamén realizamos actividades de lecturas compartidas e apadriñamentos lectores, nas que o alumnado de 3º de Educación Primaria preparou e contou distintos contos ao alumnado de Educación Infantil, creando momentos de convivencia, aprendizaxe e desfrute ao redor dos libros.
Outro dos proxectos protagonistas foi a actividade de Bookface, na que o alumnado utilizou as portadas de distintos libros para converterse nos seus personaxes. Con todas as fotografías elaboramos un gran libro colectivo cheo de imaxinación e creatividade.
Tamén houbo espazo para mesturar lectura e tecnoloxía. Un grupo de alumnos e alumnas deseñou orixinais sujetalibros inspirados en escenas de contos traballados na aula. Primeiro realizaron os seus debuxos e despois separáronos por capas para poder imprimilos en 3D.
O alumnado de 4º de Primaria preparou ademais unha representación do conto “Galiña roxa”, acompañada de distintos elementos relacionados coa historia, como trigo e pan, achegándonos dun xeito moi vivencial ao relato tradicional.
Como broche final, recibimos a visita de Celia Veiga, autora e ilustradora do libro Entre rías, que compartiu toda unha mañá connosco. Falounos sobre o proceso de creación da súa obra e desfrutamos dunha representación con monicreques realizada por dúas alumnas de 4º. Para terminar, cada neno e nena construíu un pequeno paxariño inspirado no libro.
Sen dúbida, foi unha semana chea de lectura, arte, imaxinación e experiencias compartidas que nos lembrou que os libros poden lerse… pero tamén escoitarse, representarse, construírse e vivirse.
Grazas a todos e a todas por unha semana moi especial