jueves, 5 de noviembre de 2026

A nosa biblioteca, un espazo para desfrutar!



Desde aquel 28 de setembro, cando abrimos as portas da nosa biblioteca, non deixamos de desfrutar dela e de todos os seus espazos.
Cada día, nos recreos, a biblioteca énchese de vida, de conversas, de descubrimentos e de momentos compartidos. Hai quen escolle un libro e mergúllase nas súas historias, quen prefire construír e experimentar, quen se anima a xogar cos compañeiros/as e quen simplemente busca un recuncho no que compartir un bo momento.
E, por suposto, tamén seguimos desfrutando da nosa BiblioPatio, porque a biblioteca vai máis alá das súas paredes e esténdese a outros espazos do cole.
Un agradecemento especial aos nosos encargados e encargadas de biblioteca, que cada día colaboran para que todo funcione: axudan a organizar os espazos, coidan os materiais, acompañan aos compañeiros/as e contribúen a que cada recuncho estea preparado para desfrutalo. Ademais, tamén teñen tempo para compartir historias e contos cos máis pequenos, regalándolles momentos cheos de imaxinación e ilusión.

Construíndo monumentos na biblioteca!




Con motivo da celebración do Día das Bibliotecas, a nosa biblioteca encheuse de creatividade, imaxinación e ganas de construír!
Ao longo dunha semana, durante o tempo de lecer, organizamos diferentes obradoiros dirixidos ao alumnado de Educación Infantil e Primaria, todos eles vinculados ao noso PDI deste curso: «Construír».
Nesta ocasión, achegámonos a tres construcións emblemáticas de diferentes lugares do mundo: a Torre Eiffel, o Taj Mahal e as pirámides de Chichén Itzá. A través de pequenas fichas informativas, descubrimos algúns datos e curiosidades sobre estes monumentos e puxémonos mans á obra!
LEGO, Kapla, pezas de construción, materiais diversos... convertéronse nas nosas ferramentas para reproducir estas grandes obras arquitectónicas. Tamén houbo tempo para debuxar, deixar voar a imaxinación e crear as nosas propias chapas inspiradas nelas.
Unha semana para descubrir, aprender, experimentar e, sobre todo, comprobar que construír tamén é unha forma de coñecer o mundo.
Moitas grazas a todo o alumnado pola súa participación, entusiasmo e creatividade, e ás profes que colaboraron na organización e realización dos obradoiros.

martes, 3 de noviembre de 2026

Construíndo pequenos xardíns: aprendemos a plantar e coidar



Dentro do noso PDI deste curso, «Construír», o alumnado de 1º de Educación Primaria está a desenvolver un proxecto moi especial: recuperar e dar unha nova vida a pequenos espazos do colexio que estaban sen utilizar, transformándoos en pequenos xardíns.
Pero antes de poñerse mans á obra, hai moito que investigar e descubrir. Que plantas podemos cultivar no inverno? Como se chaman? Cales son as súas características? Que necesitan para medrar? A través da observación e da procura de información, os nenos e nenas están descubrindo o mundo das plantas e aprendendo a coñecer mellor o que van cultivar.
Despois da investigación chegou o momento de construír! Preparar a terra, escoller as plantas, plantalas e, por suposto, aprender a coidalas: regar, observar os seus cambios e estar pendentes das súas necesidades.
Deste xeito, pequenos recunchos que estaban esquecidos están a converterse en espazos cheos de vida, cor e aprendizaxes. Porque construír tamén é recuperar, transformar e coidar o noso contorno.
Un proxecto no que o alumnado non só constrúe pequenos xardíns, senón que tamén desenvolve a responsabilidade, a curiosidade e o respecto pola natureza.
Moitas grazas ás profesoras e ao alumnado de 1º pola súa ilusión, implicación e traballo. Agora toca coidar o que plantamos e ver como medra!

Construíndo historias: pequenos microrrelatos de Samaín



Dentro do noso PDI deste curso, «Construír», o alumnado de 4º de Educación Primaria comezou a dar os primeiros pasos cara a un reto moi especial: construír o seu propio conto.
Pero, como toda construción, esta tamén precisa dunha boa base. Antes de dar forma á súa historia, é necesario aprender a xogar coas palabras, ordenar as ideas, imaxinar situacións, crear personaxes e coidar a expresión escrita.
E que mellor maneira de comezar que aproveitando a chegada do Samaín. Así, o alumnado púxose mans á obra para crear pequenos microrrelatos terroríficos, deixando voar a súa imaxinación e convertendo unhas poucas palabras en historias cheas de misterio, sorpresa e creatividade.
Un primeiro paso para descubrir que escribir tamén é construír: palabra a palabra, frase a frase, ata conseguir dar vida ás nosas propias historias.
Moitas grazas ás profesoras de 4º pola súa implicación e por acompañar o alumnado nesta aventura de creación literaria.

Contos de Samaín nos recreos de Infantil



Durante a semana do 26 de outubro, os recreos de Educación Infantil tiveron unha sorpresa moi especial: dúas alumnas de 6º de Educación Primaria, voluntarias da biblioteca, achegáronse aos máis pequenos para compartir con eles unha historia moi axeitada para estas datas.
A través da lectura do libro «O noso Samaín», os nenos e nenas puideron mergullarse no mundo desta celebración, escoitar, descubrir e gozar dunha historia en boa compañía.
Unha iniciativa que forma parte do noso programa de alumnado voluntario da biblioteca e que nos permite crear momentos de encontro entre maiores e pequenos, facendo da lectura unha experiencia compartida.
Moitas grazas ás nosas dúas voluntarias pola súa ilusión, implicación e xenerosidade! Porque compartir lecturas tamén é unha maneira moi bonita de construír comunidade.

Construíndo xogos para celebrar o Magosto e o Samaín!




O Departamento de Educación Física e o Equipo de Extraescolares organizaron unha celebración moi especial para festexar o Magosto e o Samaín, na que a biblioteca colaborou achegando ideas e axudando a construír diferentes xogos, seguindo o fío do noso PDI deste curso: «Construír».
O venres 30 de outubro, o cole encheuse de disfraces, personaxes terroríficos e moitas gañas de pasalo ben. Alumnado e profesorado sumáronse á celebración, compartindo unha xornada na que non faltaron as tradicionais castañas e, por suposto, os xogos!
Entre as propostas preparadas houbo retos para todos os gustos: encestar boliñas monstruosas en vasos terroríficos, darlle de comer a unha pantasma larpeira e superar diferentes xogos e desafíos nos que a habilidade, a puntería e, sobre todo, as gañas de participar foron as protagonistas.
Moitas grazas a todo o alumnado e ao profesorado pola súa participación e entusiasmo, ao Departamento de Educación Física e ao Equipo de Extraescolares pola organización e implicación, e por contar coa biblioteca para construír xuntos esta proposta.

Construíndo tradicións: un percorrido polo Magosto, o Samaín e o outono.



O Equipo de Dinamización da Lingua Galega puxo en marcha unha proposta moi especial para achegarnos ás tradicións do outono, na que a biblioteca se sumou colaborando con ideas, traballo e moitas ganas de construír xuntos.
Vinculada ao noso PDI deste curso, «Construír», a iniciativa deu lugar a un escenario cheo de elementos da nosa cultura popular, no que o Magosto, o Samaín e o outono se converteron nos protagonistas. Un espazo pensado para coñecer a historia dos nosos costumes, descubrir a riqueza da lingua galega e aprender a través da participación e da experimentación.
Ao longo desta proposta, o alumnado puido descubrir, entre outras moitas cousas, diferentes palabras e expresións galegas relacionadas coa chuvia, como o orballo; coñecer as partes da cabaza e a historia do Samaín; achegarse aos refráns populares do outono, que nesta ocasión se converteron en pequenos libros para formar parte dun recuncho de lectura da biblioteca; ou descubrir elementos da vida tradicional, como a castañeira e o antigo forno de pan.
Unha proposta para observar, descubrir, aprender e gozar das nosas tradicións, pero tamén para xogar coas palabras, ampliar vocabulario e valorar a nosa lingua.
Porque construír tamén é recuperar as nosas raíces, manter vivas as tradicións e transmitirlles ás novas xeracións o patrimonio cultural que nos identifica.
Queremos dar as grazas ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega por impulsar esta iniciativa, a todo o profesorado e ao alumnado pola súa implicación e participación, e ás familias pola súa colaboración e achegas.